O MARTES 9 DE XUÑO AS HORTAS E O BOSQUE DO PAZO DE FEFIÑÁNS ABREN DE MANEIRA GRATUÍTA BAIXO RESERVA PREVIA

Foto visita gratuita jardines

Trala situación acontecida durante os últimos meses, todos desexamos volver á normalidade e desfrutar ao aire libre da natureza. Por este motivo, a Adega Gil Armada propón abrir de xeito gratuíto un dos espazos naturais máis importantes situados no corazón de Cambados.

O acontecemento terá lugar o vindeiro martes 9 de xuño pola tarde, de 16:30 a 19:00. Todos aqueles que desexen achegarse, deberán facelo baixo reserva previa para garantir a seguridade e evitar aglomeracións. Poden facelo poñéndose en contacto coa Adega Gil Armada no enderezo electrónico gilarmada@pazodefefinans.com ou ben directamente na tenda situada na praza de Fefiñáns, e que xa se atopa aberta ao público. No momento de facer a reserva, asignaráselle unha hora para poder achegarse e realizar a súa visita.

Durante o paseo, poderán percorrer a horta grande do pazo para coñecer a variedade de especies botánicas, camiñar entre un dos viñedos máis antigos do Salnés, e adentrarse no bosque de Fefiñáns, un espazo natural protexido onde medran numerosas especies de árbores autóctonas, moitas delas centenarias. Para rematar, poderán coñecer tamén a destilería artesanal da adega Gil Armada, situada a carón da Terraza baixo o Magnolio.

Con esta proposta, desexamos ofrecer unha experiencia que sirva para valorar un dos espazos naturais que temos en Cambados, e que propicie un momento de desconexión e relax a todos aqueles que se acheguen.